Aula Gastronómica Galicia Calidade

Aula Gastronómica Galicia Calidade é unha experiencia formativa e de promoción posta en marcha por este organismo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para achegar os produtos e as marcas avaladas por Galicia Calidade aos estudantes e futuros restauradores da nosa comunidade.

A restauradora galega e estrela Michelin Lucía Freitas foi a encargada de inaugurar o 6 de abril no CIFP Compostela da capital galega este novedoso proxecto, no que tamén colaborou a Fundación Artesanía de Galicia achegando a vaixela e os utensilios cos que se elaboran os pratos.

Os restauradores Lucía Freitas, María Varela, Iñaki Bretal, Héctor López e Adrián Felípez participaron nesta experiencia formativa

Lucía Freitas é unha das cociñeiras máis relevantes da gastronomía galega actual. Tras estudar no Centro Superior de Hostalería de Artxanda, en Bilbao, continuou a súa formación en restaurantes coma o Celler de Can Roca, en Girona; Bohío, en Illescas; Mugaritz, en Errentería (Guipúzcoa); e Tapies (Lérida). En 2009, abriu en Santiago o seu restaurante A Tafona, un establecemento certificado por Galicia Calidade, onde realiza unha cociña elaborada para o público compostelán, galego, nacional e internacional.

A cociñeira galega tamén realizou unha incursión en Estados Unidos da man do seu restaurante Tomiño, que abriu en 2017. Lucía Freitas conta con numerosos recoñecementos gastronómicos nacionais entre os que se atopa a estrela Michelin.

Alimentos de calidade e tradición

Ademais de Lucía Freitas, impartiron cadansúa master class, ao abeiro do proxecto, a restauradora galega e copropietaria da casa de turismo rural ‘A Parada das Bestas’, María Varela, o 15 de abril aos estudantes do Ciclo Superior de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

María Varela estudou o ciclo superior de Dirección de Cociña no IES Sanxillao de Lugo e posteriormente cursou un master de Cociña ao Vacío na Escola de Cociña Tony Botella, en Barcelona. Ademais, formouse en novas tecnoloxías de vacío e convección en Casa Solla, en Pontevedra.

Na actualidade, é copropietaria e directora da casa de turismo rural  ‘A Parada das Bestas’, en Palas de Rei, onde se ocupa directamente do seu restaurante. Este establecemento conxuga unha oferta integral de aloxamento, gastronomía e actividades de ocio e lecer nas 4 hectáreas que rodean a casa de labranza do século XVIII na que se ubica o establecemento.

Desde alí, Varela realiza unha constante aposta pola sinerxía entre os alimentos de calidade e a tradición, buscando valor engadido e trazabilidade nos produtos e optando pola autoprodución e o emprego de materias primas de proximidade, naturais e sostibles. María Varela forma parte do Grupo Nove e recibiu o premio Alimentos de España á Restauración en 2013 e o de Excelencia á Innovación para mulleres rurais en 2012.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, agradeceu a boa disposición dos restauradores que colaboraron neste proxecto

Ademais, o 22 de abril, a Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrouse no CIFP Manuel Antonio de Vigo, con Iñaki Bretal, propietario e cociñeiro do restaurante ‘O Eirado da Leña’, que conta tamén coa Estrella Michelin.

Iñaki Bretal estudou no Centro Superior de Hostalería de Galicia e complementou a súa formación realizando cursos en San Sebastián, Madrid e Barcelona. Na actualidade é propietario e cociñeiro do restaurante ‘O Eirado da Leña’, que conta coa Estrella Michelin, o distintivo Q de Calidad e o selo Galicia Calidade. Ademais, tamén dirixe e cociña no gastrobar ‘Loaira’, de Pontevedra, incluído na Guía Michelin; no restaurante tradicional ‘Anda’ de Lugo; no catering ‘O Eirado Eventos’, no salón de banquetes ‘Pascuais Eventos’ de Lugo, e no restaurante ‘Farmacia de Guardia’, de Madrid.

Ademais, é profesor do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e forma parte do Grupo Nove. Colaborou co Pazo Quinteiro da Cruz e co Centro de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra en investigación e desenvolvemento de aplicacións da camelia na gastronomía.

E xa o 20 de maio, o cociñeiro e propietario do Restaurante España en Lugo, Héctor López, foi o encargado de impartir no IES de Vilamarín de Ourense a Aula Gastronómica Galicia Calidade. Héctor López rexenta xunto ao seu irmá Francisco López o Restaurante España que conta con dous soles na Guía Repsol, a marca Galicia Calidade e a Q de Calidade Turística. Tamén forma parte do Grupo Nove. O cociñeiro lucense, no seu compromiso cos produtos autóctonos, posúe tamén unha granxa na que cría bois a base dunha alimentación totalmente natural, o que lle permite obter un produto de calidade superior.

A nova cociña

O cociñeiro e propietario do restaurante La Taberna de Miga da Coruña, Adrián Felípez, encargouse de impartir o 27 de maio unha ‘masterclass’ ao alumnado do IES Fraga do Eume de Pontedeume.

Adrián Felípez é un dos nomes da nova cociña española que maior interese espertou nos últimos anos, asociado sobre todo coa calidade e a reinvención da tradición. A súa cociña de raíces galegas ofrece un novo nivel de excelencia no mercado gastronómico mediante a combinación de produtos do máximo nivel xunto á súa técnica na cociña.

É un cociñeiro novo que chamou a atención da crítica española e internacional, o que lle permitiu recibir diferentes distincións e premios nos seus anos de profesional da cociña, o último, este mesmo ano: o recoñecemento Bib Gourmand da Guía Michelin, selo coñecido por ser a antesala da Estrela que ofrece a Guía. Tamén ostenta os galardóns Q de Calidade e Turismo e a Distinción Galicia Calidade.

Pola súa banda, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, agradeceu a boa disposición dos restauradores para participar neste proxecto e amosouse convencido de que “servirá para crear futuras sinerxías de traballo entre os cociñeiros galegos que hoxe se forman nas escolas de hostalería e os produtos e empresas galegas que apostan pola calidade como un referente máis á hora de presentarse ao público”.

Artículo anterior
formación en época estival

La formación no se detiene en la época estival

Siguiente artículo
Orpagu

Orpagu lleva el mar gourmet a los hogares con una web creada por BAP&Conde