A sede de Afundación acolle estas ilustracións sobre o Camiño Inglés
MARÍA EIMIL
O debuxo é o Camiño. Camiño Inglés é o nome da mostra que se atopa na sede de Afundación en Santiago e que permanecerá aberta ata o 29 de abril. A exposición nace como continuidade á iniciativa Cadernos de Viaxe, posta en marcha o ano pasado no marco da programación do Xacobeo 21-22.
Un total de 25 ilustracións montadas en tecidos de alta calidade compoñen a mostra que se expón en 22 caixas de luz de dobre cara, o que permite resaltar as imaxes, e xorde como resultado do percorrido feito o pasado verán pola ilustradora catalana Maru Goldás e a irlandesa Róisín Curé, que contaron a súa experiencia no Camiño Inglés a través das súas ilustracións e redes sociais.
A exposición nace como continuidade á iniciativa Cadernos de Viaxe, posta en marcha o ano pasado
“Debuxo e Camiño volven darse a man nesta mostra, financiada integramente por Turismo de Galicia, e que agora podemos ver tan excelentemente exposta, afondando así na experiencia e na mirada que as ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, sinalou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a inauguración. Xunto a ela estiveron presentes a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, a comisaria da mostra Gemma Sesar, e coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández.
A pegada do Camiño Inglés en Galicia
O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas: o itinerario dende A Coruña e o que parte de Ferrol. Ambos están cheos de atractivos e historia e conflúen a metade de camiño, a localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 40 quilómetros ata Compostela.
Arte en tódolos recunchos
Outra exposición que pode verse estes días en A Coruña é un percorrido pola historia do arte do século XX a través de máis de cen pezas téxtiles deseñadas por algúns dos artistas de máis renome dese período histórico. Textiles de artistas está organizada polo Fashion and Textile Museum de Londres e pode visitarse ata o 19 de xuño.