As tecnoloxías RX, a debate nunha xornada en Ferrol

CIS Tecnoloxía e Deseño
Foto: GAIN

Empresas e centros de prestixio mostrarán como están a utilizar o hardware de realidade virtual, a realidade aumentada e mixta


MARÍA EIMIL


‘Explorando os límites do Hardware RX’ é o título da actividade divulgativa que vai desenvolverse no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol o próximo 19 de setembro. Trátase dun evento presencial no que diversas empresas e centros de coñecemento de recoñecido prestixio mostrarán como están a utilizar as tecnoloxías RX (hardware de realidade virtual, realidade aumentada e mixta). Ademais, os visitantes profesionais poderán comprobar as súas capacidades e decidir cales deles se axustan mellor ás súas necesidades. Para poder asistir é necesario inscribirse previamente na páxina web do CIS.

Este evento enmárcase nun conxunto de actividades formativas e divulgativas que se desenvolven dende hai un anos no CIS Tecnoloxía e Deseño, pertencente á GAIN (Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia), que ten entre outras misións ser impulsor da innovación, tanto en empresas coma en entidades do ecosistema galego de I+D+i, co fin de xerar valor económico social e sostible.

Organizado en colaboración coa o rede Enterprise Europe Network, iniciarase cun acto de apertura da man da directora da Axencia Galega de Innovación, que expoñerá as medidas que a Xunta de Galicia toma en relación ao impulso da innovación entre as empresas e o ecosistema galego de I+D+i.

Inmersiva XR e Navantia, no evento de tecnoloxías RX

Trala apertura terá lugar unha mesa redonda que abordará as capacidades das tecnoloxías RX e a súa utilidade en moi diversos campos como a industria, a educación, a saúde ou o patrimonio. Contaremos con tres referentes nacionais no mundo da simulación virtual (Vicky Vasán e Lorena González, confundadoras de Inmersiva XR, e Jesús García González cofundador de Xperiencia Virtual) que participarán nun debate cun moderador experto no sector industrial (Miguel Vilar Montesinos, da Dirección de Tecnoloxía e Transformación Dixital de Navantia) e cos profesionais asistentes sobre as temáticas mencionadas.

Nas áreas de exposición unha serie de empresas, centros tecnolóxicos e universidades, mostrarán os seus desenvolvementos en tecnoloxías RX e permitirán ao público visitante probar os diversos hardwares utilizados: cascos, luvas, traxes, etc, á vez que coñecen as capacidades de desenvolvemento de estas entidades con estas e outras tecnoloxías innovadoras.

Ademais faranse unha serie de charlas temáticas, en horario de mañá e tarde, onde persoal técnico das empresas expositoras explicarán os seus desenvolvementos e interactuarán co público asistente dunha maneira máis próxima. Na mañá falaremos de sectores industriais como o naval, o aeronáutico, ou a automoción. Á tarde falaremos de sectores como saúde, educación e patrimonio entre outros.

Por último, disporase duns espazos privados para reunións B2B entre empresas ou entre profesionais. Esta actividade é gratuíta e conta cun límite máximo de 250 inscricións, para facilitar a mellor atención por parte dos expositores ao público asistente. Ademais, habilitouse unha franxa horaria para o acceso de estudantes, que poderán asistir sos ou en compañía dos seus docentes.

Artículo anterior
Labelexpo 2023

Labelexpo Europe, la cita del año del sector de la impresión y el etiquetado

Siguiente artículo

Ocio y cultura, en el Festival de las Ideas y la Cultura de A Coruña