As escolas artísticas galegas homenaxean a Chichi Campos no Día da Ilustración

Foto: Xunta de Galicia

A programación do Día da Ilustración, o vindeiro 30 de xaneiro, inclúe exposicións, documentais e obradoiros para todos os públicos


ROCÍO MOARES


A programación do Día da Ilustración, que se celebrará o 30 de xaneiro, homenaxeará este ano ao artista Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi Campos, debuxante, humorista, columnista e guionista. As EASD e diversas bibliotecas de toda Galicia teñen previstas numerosas actividades conmemorativas organizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). O cartel representativo é obra da artista Rebeca Varela, coñecida como Perdivel.

Así, a EASD Pablo Picasso da Coruña organiza o obradoiro O libro obxecto: cando todo conta da man de Nuria Díaz o 1 de febreiro; a EASD Ramón Falcón de Lugo celebra o taller Autoedición e autoxestión da túa obra con Bernal Prieto o día 30, e a EASD Antonio Faílde de Ourense organiza un taller de ilustración e animación para redes sociais con Carmen Pintos e o coloquio Chichi Campos e a importancia da autoedición durante o franquismo da man de Nico Campos o martes 30 de xaneiro.

Ademais, a Cidade da Cultura acollerá a mostra bibliográfica Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante na Biblioteca de Galicia, entre o 30 de xaneiro e o 12 de maio; nela participan artistas como Leandro Barea, Iván Mourente e Idoia de Luxán, entre outros.

Tamén cabe salientar a proxección do documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos, que se proxectará o día 30, ás 18:00 horas, nas bibliotecas da Xunta de Galicia na Coruña e Pontevedra; os días 29 e 30 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, e o 2 de febreiro, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Galicia.

A Biblioteca de Galicia fará un repaso da vida do artista coa mostra bibliográfica ‘Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante’

Por todas as cidades

A programación das bibliotecas completarase con obradoiros, contacontos e exposicións. Deste xeito, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ten programada unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado neste 2024, que estará dispoñible dende o mércores 31 de xaneiro ata o 13 de febreiro, martes de Entroido.

En Ourense, a Biblioteca Pública Nós disporá dun espazo como centro de interese para coñecer a figura de Chichi Campos ata o 15 de febreiro, acompañado da mostra de libros Ilústrate. Asemade, o sábado 3 de febreiro, ás 12:00 horas, realizarase un taller de pintura infantil.

Na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia tamén organiza o obradoiro Retrato creativo de Chichi Campos este sábado 27 de xaneiro, ás 17:00 horas, mentres que a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ten programado un contacontos ilustrado para a cativada tamén hoxe ás doce do mediodía, que se suma á mostra bibliográfica vixente ata o 29 de febreiro.  

Por último, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo organiza o contacontos Ilustrar sen dono o día 30 ás 18:30 horas e un obradoiro de banda deseñada este sábado ás 12:30 horas, ambas actividades para público infantil. Así mesmo, os asistentes poden admirar dúas exposicións: Chichi Campos: elegante can sen dono e Novas ilustradoras galegas.

Artículo anterior

Publicidad y palomitas para honrar al patrón

Siguiente artículo

Flúor 2024, ya tiene fechas