As axudas en materia de vivenda, na nova campaña da Xunta

Vivenda en Galicia axudas
Foto: Xunta de Galicia

Aberto o prazo de inscripción dun total de 11 liñas de axudas destinadas á vivenda


REDACCIÓN


Axudas que son benvidas é o lema da campaña coa que a Xunta presenta a que é unha das súas prioridades neste 2023: a vivenda. De feito, ten previsto convocar un total de 24 liñas de axudas e programas de apoio a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Dirixidas tanto a particulares como a concellos ou promotores privados, contarán cunha dotación total de preto de 140 millóns de euros. Algunhas delas, un total de 11, teñen aínda aberto o prazo de solicitude e están dirixidas tanto a rehabilitación como a compra. Ademais, outras seis están pendentes de convocarse.

A Xunta pon en marcha a través do IGVS un total de 24 liñas de axudas e programas de apoio a vivenda

Entre os programas novidosos, cómpre subliñar que se convocan este ano por primeira vez as axudas para o fomento de aloxamentos temporais, cohousing e outras modalidades similares. Tamén destaca a nova liña dirixida tanto a concellos como a empresas e promotores privados para construír vivendas enerxeticamente eficientes destinadas ao alugueiro social, con axudas de ata 50.000 euros por cada unha dela.

Rehabilitación, construción e outros aloxamentos

Actuacións para o aforro enerxético

Os particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 teñen a súa disposición unha liña de axudas destinada a executar diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares (renovación de fachadas ou cubertas); ou a substitución de equipos de calefacción e agua quente por outros que non utilicen enerxía fósil. A subvención poderá chegar ata os 26.750 euros se se trata dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 euros se forma parte dun edificio colectivo residencial. En todo caso, a contía dependerá do aforro enerxético acadado, do tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante, de xeito que poderase cubrir incluso o 100% do custo das obras.

A primeira convocatoria desta liña saldouse cunha execución do 100% dos 22,8 millóns de euros dispoñibles, polo que a Xunta incrementou ata os 66,4 millóns os fondos destinados á convocatoria actual. A liña publicouse no DOG no pasado mes de xuño, ó tempo que outras dous, unha delas destinada a actuación de melloras de eficiencia enerxética e outra para a elaboración do libro de edificio e maila redacción de proxectos de rehabilitación. O prazo estará aberto ata o 2 de outubro.

Construción de vivendas para alugueiro social

Outra liña de axudas da Xunta de Galicia está destinada a construcción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxéticamente eficientes. Este novidoso programa está financiado con fondos europeos e a metade da contía da axuda, de un total de 8,4 millóns de euros, estará destinada aos concellos, mentres que o outro 50% irá a parar ós promotores privados que constrúan vivendas en terrenos de titularidade pública. En calquera caso, poderán optar a 700 euros por metro cadrado, cun límite de 50.000 euros por vivenda. O prazo para solicitalas estará aberto ata o 6 de outubro.

Un das novidades deste ano é unha liña de axudas destinada ós concellos e promotores que impulsen a construcción de vivendas de alugueiro social

Aloxamentos temporais e cohousing

Ata o 2 de novembro estará aberta unha liña de axudas para o fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares. Conta cun orzamento total de 6,8 millóns de euros para as anualidades que van de 2023 a 2026, ca que as intervencións subvencionables teñen carácter plurianual. As subvencións poderán destinarse tanto a inmobles de nova construción como á rehabilitación doutros xa existentes e as vivendas ou aloxamentos resultantes deberán dedicarse a alugueiro durante un prazo de polo menos 20 anos, que se computará desde a primeira ocupación do inmoble.

Os promotores destes aloxamentos recibirán unha axuda de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía non poderá superar o 50% do investimento e, como máximo, será de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda.

Axudas para a compra de vivendas

Vivendas en centros históricos

Outra liña que está aberta é a destinada a comprar vivendas en centros históricos e o obxectivo é contribuir á revitalización dos mesmos e convertilos en lugares atractivos para vivir e favorecer a súa dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa poboación. Con carácter xeral, as axudas son de 10.000 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos e ata os 15.000 euros no caso de que se localice nalgunha das sete Áreas Rexurbe que existen en Galicia: A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos. Estará aberta ata o 2 de outubro.

Vivendas para mozos en concellos de menos de 10.000 habitantes

Os menores de 35 anos que estean pensando en adquirir unha vivenda propia poden acollerse á liña de axudas a que o goberno galego destinará neste 2023 un total de 1,55 millóns de euros. Os incentivos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que non supere o 20% do prezo de compra e a vivenda estea localizada nalgún dos 257 municipios de menos de 10.000 habitantes. Outro dos requisitos é que o prezo de adquisición da vivenda, que terá que estar xa construída, non supere os 120.000 euros e que a operación se realizara con posterioridade ó 15 de novembro de 2022.

Aval para menores de 36 anos

Doutra banda, ata o 30 de novembro estará aberto o prazo para que os menores de 36 anos poidan presentar a súas solicitudes para optar ó programa de avais públicos. A convocatoria conta un orzamento global de ata 5 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar ó acceso a mocidade galega ó seu primeiro fogar en propiedade. O importe de adquisición do inmoble non poderá superar os 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se atopa nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto de municipios galegos.

Artículo anterior

La Xunta invita a 'dar o paso' y unirse al programa de voluntariado

Siguiente artículo

Recomendaciones para conocer la reputación de dominio