DeseñaPeme, a liña de axudas específicas da Xunta de Galicia para mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade recibiu un total de 59 propostas
REDACCIÓN
A convocatoria 2024 de DeseñaPeme, que mantivo o prazo de solicitudes ata o 13 de marzo, resolverase a mediados de xuño. A liña de axudas específicas da Xunta de Galicia para mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico recibiu un total de 59 propostas, procedentes de microempresas, pemes e entidades do terceiro sector galegas.
Dende o ano pasado, DeseñaPeme convócase conxuntamente coas axudas InnovaPeme para permitir que as empresas poidan aproveitar as sinerxías que supoñen as dúas convocatorias, coa opción de presentarse ás dúas simultaneamente.
DeseñaPeme 2024
A convocatoria DeseñaPeme que está en trámites de ser resolta conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros. As axudas contan con tres modalidades: deseño de produto, deseño de servizos e experiencias e deseño de marca e identidade corporativa. O orzamento subvencionable estará entre os 50.000 e os 150.000 euros por proxecto e as axudas terán unha intensidade do 50 %.
Nas tres edicións anteriores do programa foron beneficiarias un total de 82 pemes galegas. Os proxectos desenvolvidos suman un orzamento total de nove millóns de euros e neles interveñen un total de 190 profesionais cualificados.
Estas axudas enmárcanse nas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia.