Arranca Flúor, o maior evento de márketing dixital do noroeste de España

Flúor 2022

O presidente do Clúster aproveitou a presentación de Flúor 2022 para ceder o testemuño a Alberto Garnil


MARÍA EIMIL


A cidade de Pontevedra acolle Flúor 2022, o Congreso Atlántico de Marketing Digital, un evento no que participan 22 relatores de España e Portugal. Eles serán os responsables de transmitir o seu coñecemento a través de nove conferencias, dúas mesas redondas e catro obradoiros que se celebrarán entre hoxe, 9 de xuño, e o venres, 10 de xuño.

A cuarta edición de Flúor destacará polos contidos sobre novas tendencias dixitais, que irán dende o metaverso ata os podcast, pasando pola ciencia de datos e a sostibilidade cara un márketing consciente.

A cuarta edición de Flúor destacará polos contidos sobre novas tendencias dixitais

Xosé Luis Reza cede a presidencia do Clúster a Alberto Garnil

O que foi durante oito anos o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza, aproveitou a ocasión para agradecer o apoio recibido durante os oito anos que estivo ao fronte da entidade. Tamén explicou que agora cede o testemuño a Aberto Garnil, director xeral de ICON, unha axencia que ven de fusionarse con Elemental Chefs en Recados Carmen. “Creo naqueles que regalan o seu tempo e recursos para o beneficio de todos”, subliñou durante a súa intervención. Tamén fixo referencia á etapa que comeza con Alberto ao fronte: “ti marcas a partir de hoxe o noso camiño”.

“Só se entende un Clúster como o noso cando todos os que formamos parte del comprendemos que hai moitos máis puntos que nos unen dos que nos separan”, sinalou Reza. Tamén afirmou que “cando os galegos deixamos de lado o individualismo facemos cousas únicas e marabillosas”.

Xosé Luis Reza trasladou o seu agradecemento ás persoas que estiveron ao seu carón durante oito anos

Na presentación de Flúor 2022 tamén participaron a deputada da provincia de Pontevedra, Olga García, e mailo tenente de alcalde da cidade, Tino Fernández. García fixo un repaso das conferencias e obradoiros que agardan a todos os que asisten ao evento durante estes días, mentres que Fernández lembrou que “estamos a vivir un momento histórico como ningún outro, no que a comunicación é vital”.

Marcas responsables e CRO (Conversion Rate Optimization)

Tralo acto de presentación de Flúor 2022, o encargado de abrir o foro foi o CEO e fundador de Flat 101, Ricardo Tayar, co relatorio Guía de supervivencia CRO. Despois tivo lugar a presentación de Jess Bardanca, cofundadora de Mexas & CMO, que falou sobre márketing consciente a través de exemplos concretos como Vazva, que limpa as praias de A Coruña durante as fins de semana.

Hoxe celebrarase unha mesa redonda que contará coa participación dos responsables dalgúns dos diarios especializados máis importantes a nivel nacional. Falamos de Javier Piedrahita (Marketing Directo), Daniel Campo (El Publicista) e Jaime de Haro (Ipmark). A mañá finalizará cunha reflexión sobre a publicidade inspiradora e o futuro dixital, que serán abordados por Tiago Barquinha -country manager de Contagious Portugal- e polo experto Xabi Simó, respectivamente.

Flúor está organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e Markea e conta como patrocinadores co Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Recados Carmen, Avante Evolumedia, Abanca, Dinahosting, Galicia Calidade, Redegal, Miraveo, Root Café e Asomados. Tamén conta, como colaboradores, con Creatividade Galega, Executivas de Galicia, Dircom, OPC Galicia, Igape e a Associação Portuguesa dúas Profissionais de Marketing.

Artículo anterior
Premios Dircom

Los Premios Dircom reconocen el trabajo de los reporteros de guerra

Siguiente artículo
metaverso

Las oportunidades del metaverso, a debate en Flúor