Antón Veiga: “FalAI fixo mellor o mundo”

Foto: Mero Barral

Antón Veiga
Director creativo de Recados Carmen

“O valor principal de FalAI foi o impacto na sociedade”


REDACCIÓN


Os asistentes conversacionais non eran accesibles para os galegofalantes ata que naceu o Reto falAI, un proxecto da Universidade de Vigo e Balidea para ensinarlle a nosa lingua. A axencia Recados Carmen puxo o broche de ouro a este proxecto, polo que recibiu o Premio á Mellor Campaña de Impacto Positivo e o maior recoñecemento do sector: o Premio Paraugas de Ouro 2023.

Que supón para a axencia este galardón? Recados Carmen ten apenas un ano e medio de vida e xurdiu da fusión de Elemental Chefs e ICON Web. Como proxecto común, este foi o noso primeiro premio, o cal supón todo un chute de optimismo no traballo que facemos todo o equipo. Os premios a proxectos puntuais molan moito, pero as axencias existimos polo “picar pedra” dun montón de persoas. Así que este Premio Paraugas é de todas e todos os que formamos Recados Carmen.

Como valorarías a repercusión do proxecto? Espectacular. Algunhas veces tes a sorte de que chegan proxectos como este, pero non sabes se darás coa tecla para cumprir os obxectivos. Cando Balidea nos contactou, vimos o potencial, pero tamén un orzamento moi contido. Así que tivemos que tirar de toda a nosa creatividade para darlle visibilidade. Creamos unha campaña de contidos en redes da man de Iván Müller. Pezas emocionais como as que fixemos xunto a actriz Aurora Maestre. Contidos informativos, recolla de voces en centros de maiores, premios tecnolóxicos da man do MUVI… Fixemos todo o que puidemos para lograr que todo o mundo se enterase que existía o proxecto falAI.

O obxectivo era crear o maior dataset de voces en galego. Podemos dicir que xa o entenden as intelixencias artificiais? Demos un primeiro paso moi importante, pero o mérito é de Balidea e de atlanTTIC da Universidade de Vigo. Os seus equipos van lograr que unha lingua como a nosa siga viva na revolución tecnolóxica das IA’s. O primeiro é ter unha boa base de datos correctamente etiquetada. Ese foi o tremendo acerto co plan de Balidea: crear un xeito ultradoado e divertido, para que aportase as voces e os datos. Agora queda por diante moito traballo e que exista interese por parte das empresas de integrar o galego falado nas aplicacións. Pero, só un dato: non é só o maior dataset en galego, é o dataset en código libre máis grande de ningunha lingua do planeta. Iso dá para sentir orgullo.

“As axencias existimos polo ‘picar pedra’ dun montón de persoas”

Recados Carmen foi a gran vencedora ao recibir o Paraugas de Ouro. Por que cre que o xurado seleccionou a campaña? O equipo é boísimo! O valor principal foi o impacto na sociedade. Moitas veces vemos campañas que logran repercusión e este ano tiñamos exemplos marabillosos como o de Imaxe con Cabreiroá, ou a do Real Club Celta, pero a nosa profesión é tan brutal polo que pode facer, por mellorar e modificar o mundo. Como podemos chegar a xente dun xeito diferente e tentar facer deste un lugar mellor. A nosa campaña, pese a ser máis modesta, tiña ese valor como principal: falAI fixo mellor o mundo. E non quero pecar de modesto, pero penso que fixemos un traballo incriblemente completo. Foi emocional cando o precisaba, racional cando tocaba. A suma de todos eses elementos decantaron a balanza no noso favor.

Como valoras os Paraugas e a labor do Clúster? Uns premios como estes serven para algo importantísimo: sacarnos a cada equipo das nosas oficinas, teletraballo e linkedins e xuntarnos para lembrar para que narices nos metimos nisto en lugar de abrir un quiosco de prensa ou adicarnos á ebanistería. Os trofeos dos premios están xenial, pero xuntarnos todo un sector é unha labor marabillosa. E ese é o valor do Clúster: sacarnos da cova para que nos dea o sol e poidamos sorrir indo a traballar.

Artículo anterior

Coreti, premiada al cuadrado en los Anuaria 2024

Siguiente artículo

Formación, el nexo de unión entre Heidelberg y Salinas