Alberto Barreiro: “A pandemia amosou a oportunidade que supón vivir no rural”


MARÍA EIMIL


Alberto Barreiro
Deseñador estratéxico

Hai liñas de actuación en relación á zona de Montefaro

Como foi a experiencia nas residencias do proxecto RuralLab? Moi completa. Saímos cun plan de acción que temos que concretar, isto simplemente foi poñer a semente. A intención era entender as necesidades das zonas dende o punto de vista da rexeneración e da mellora do impacto social e medioambiental e facelo dende alí, en contacto coas forzas locais e con especialistas e esperamos que poida repetirse. Ademais, a zona onde se celebrou o festival ten un potencial único e diferencial.

Hai algunha acción que poida saír adiante? Estamos no proceso de abstracción e temos que facer un filtrado para ver que ideas poderían aplicarse. Hai liñas de actuación en relación á zona de Montefaro para a rexeneración medioambiental do monte, entre outras.

Que oportunidades ofrece o rural? Vimos dunha idea do rural case como vítima, dunhas tendencias económicas, sociais e culturais que levan a poñer a prioridade na vida urbana, na industrialización e que deixaron ao rural de lado. Un dos grandes dramas do rural é a despoboación, a falla de oportunidades e a fuxida literal dos mozos, pero agora estamos vivindo un cambio de paradigma, que vén acelerado pola pandemia, e que ten que ver coa busca dunha mellora da calidade de vida, o benestar, a contorna, a cultura e por recuperar modos alternativos de produción e consumo. Isto permítenos entender o medio rural como un lugar de oportunidades para outros modelos de consumo e evitar esa visión de vítima.

Que importancia ten o teletraballo nese cambio de paradigma? A pandemia amosou a oportunidade que supón vivir no rural e non na cidade, que é máis cara, estresante e máis fea en moitos aspectos. A xente que tivo a posibilidade de traballar remotamente, viu a oportunidade de repensar o rural. Pero isto tamén vai asociado a unha nova forma de pensar. A pandemia fíxonos reflexionar sobre a saúde, os estilos de vida e buscar unha alimentación máis sa, espazos máis abertos e relacións persoais máis auténticas.

Artículo anterior
Patricia Gabeiras

Patricia Gabeiras: “A orixe de RuralLab é moito amor á contorna”

Siguiente artículo
márketing industrial

Cómo vender buques de guerra y otras claves del márketing industrial