Actividade en DIFERENZA á volta do verán

O programa DIFERENZA da Xunta de Galicia ofrecerá no mes de setembro dúas actividades dirixidas ao ecosistema do deseño galego


REDACCIÓN


O 26 de setembro terá lugar en Santiago unha xornada baixo o título “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego”. Este evento permitirá coñecer de primeira man a experiencia de pemes galegas que están a aproveitar o potencial do deseño como ferramenta de innovación e competitividade grazas ao apoio do programa DeseñaPeme da Xunta. O obxectivo é difundir casos prácticos que poidan servir de inspiración a empresas galegas de todos os sectores e facilitar novas vías de colaboración entre estas e os profesionais do deseño.

DeseñaPeme é unha iniciativa do Programa de Deseño para a Innovación e Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA que concede axudas para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa. Dende 2021, beneficiáronse delas empresas como Granja Campomayor, Detegasa, PortoMuiños, Formato Verde, MRF, Star Electrónica, Hifas da Terra, Orballo ou Fina Rei.

O 26 de setembro terá lugar en Santiago unha xornada baixo o título “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego”

Galicia. Procesos e formas

Tamén será inaugurada no mes de setembro na sede da Fundación DIDAC, en Santiago de Compostela, unha nova versión da exposición Galicia. Procesos e formas, na que, a partir de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos, entre outras cousas, se traza un percorrido por certos aspectos do deseño en Galicia.

A selección de traballos que se presentan é unha escolma do material que deu forma á mostra que, co mesmo título, representou a Galicia como país invitado na Porto Design Biennale no 2023, co comisariado de David Barro.

Esta exposición –que, ao igual que a presentada en Portugal, é froito da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Fundación DIDAC–, vén tamén completar o traballo desta última en relación á creación dun arquivo dixital mediante o que estudar a historia do deseño en Galicia a través de pezas materiais que forman parte da Colección DIDAC, pero tamén a través de estudos, publicacións, charlas online e diversos contidos dixitais que permitan a súa accesibilidade e estudo dende calquera parte do mundo.

Artículo anterior

Heidelberg y Grupo La Plana, unidos por una economía del bien común

Siguiente artículo

34 pemes reciben axudas para mellorar a súa capacidade innovadora