Abertas as inscricións para os concursos da X edición de Galicia Fórum Gastronómico

Foto: Pedro Casal / AirOn Fotografía

Os concursos volverán estar moi presentes na vindeira edición de GFG que acollerá o II Concurso de Empanadas, o Premio Cociñeiro Galego e a Batalla de Sumilleres


REDACCIÓN


Galicia Fórum Gastronómico, o maior evento do sector no noroeste peninsular, volve á axenda da cidade herculina do 23 ao 25 de marzo en ExpoCoruña. Alí celebraranse novamente o Premio Cociñeiro Galego, cuxo prazo de votacións do público finalizará o vindeiro venres 28 de febreiro; o II Concurso de Empanadas e a Batalla de Sumilleres, que xa teñen as inscricións abertas a través da web.

Os candidatos oficiais a Cociñeiro Galego 2025 son os chefs chefs Arón Álvarez (Os Maristas, Pontevedra), Víctor Basante (Arrueiro, Laxe, A Coruña), Bret Fernández (Prebe, Lugo), Nel Parada (Nordestada, Portosín, A Coruña) e Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña) tras ser seleccionados por un xurado formado por acreditados profesionais cunha ampla traxectoria no sector. Este galardón recoñece “o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sostible e difunden estes valores”, e está patrocinado un ano máis por Gadis, coa colaboración de Sammic.

O gañador do concurso elixirase sumando as votacións do público e o voto do xurado profesional, en porcenta-xes paritarios do 50% e 50%, podendo realizarse as votacións a través da web www.galiciaforumgastronomico.com/cocinerogallego. Ademais, entre quen emita o seu voto na web sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados.

O público poderá votar na web ao ‘Cociñeiro Galego’ e entrar no sorteo dunha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes dos chefs finalistas

Pola súa banda, o Concurso de Empanadas Galicia Fórum Gastronómico trátase dun certame que premia a excelencia da técnica e da creatividade nun dos pratos máis emblemáticos da gastronomía galega. Pódese  participar en dúas categorías: Profesional, dirixida a cociñeiros e panadeiros expertos na elaboración das tradicionais empanadas galegas, e Formación, aberta a estudantes de escolas de hostalería, para destacar e valorar o papel fundamental da formación gastronómica. As inscricións están abertas ata o 28 de febreiro, podendo consultarse as bases na web.

O xurado, composto por destacados profesionais do sector, avaliará as propostas e seleccionará aos gañadores o martes 25 de marzo. O certame conta co apoio da Deputación de Coruña e a colaboración de Kitchen Aid. 

Gastronomía líquida

A Batalla de Sumilleres volverá celebrarse nas xornadas do domingo 23 de marzo e do luns 24 de marzo no Wine Circus, un dos espazos que forman parte da proposta de Gastronomía Líquida do Galicia Fórum Gastronómico, xunto ao Coffee Fórum e Cocktail Bar Fórum, cuxo programa se presentará a próxima semana.

Organizada polo Galicia Fórum Gastronómico, en colaboración co Instituto Galego do Viño (INGAVI), a Batalla de Sumilleres reúne a afeccionados e profesionais que comparten a súa paixón polo viño e os seus coñecementos nunha experiencia única: unha cata a cegas por parellas con viños de calquera rexión vinícola do mundo e onde só os máis expertos chegarán á gran final para retarse en coñecemento. Haberá tres fases clasificatorias para a Batalla Final, e o desenlace vivirase en directo. Os interesados poden inscribirse en www.galiciaforumgastronomico.com/batallasumiller.

Artículo anterior

Canon presenta sus innovaciones en impresión digital en el Hunkeler Innovationdays 2025

Siguiente artículo

Atrevia redefine la identidad de Alma Carraovejas e impulsa su nuevo posicionamiento