O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de setembro
REDACCIÓN
Xa está aberta a convocatoria dos Premios Extraordinarios para o alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño correspondentes ao curso 2023/2024, cos que se recoñecerá o traballo dos estudantes destas disciplinas.
Así, poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios: tres no eido da Música, un no de Danza e dous premios extraordinarios no ámbito de Artes Plásticas e Deseño. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 1.000 euros.
Para optar a estes premios, as persoas aspirantes deben contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música ou Danza ou cunha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.
O obxectivo é recoñecer e valorar o esforzo dos alumnos con excelentes resultados nas ensinanzas artísticas profesionais en Galicia.
Requisitos
As persoas aspirantes no ámbito de Artes Plásticas e Deseño deben presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorran.
Pola súa banda, para Música e Danza deben presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal a persoa aspirante interprete tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de setembro. As peticións presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As notificacións serán electrónicas e consideraranse recibidas no momento en que se acceda ao seu contido. Se o aspirante non accede nun prazo de dez días naturais, entenderase que rexeita o premio.