A liña DeseñaPeme conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros
REDACCIÓN
Xa está aberta a nova convocatoria de DeseñaPeme, a liña de axudas específicas da Xunta de Galicia, promovida a través da Axencia Galega de Innovación, para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e da xestión do deseño estratéxico.
DeseñaPeme naceu en 2021 e este ano convócase conxuntamente coas axudas InnovaPeme para permitir que as empresas poidan aproveitar as sinerxías que supoñen as dúas convocatorias, coa opción de presentarse ás dúas simultaneamente.
A liña DeseñaPeme conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 14 de agosto. As axudas contan con tres modalidades: deseño de produto, deseño de servizos e experiencias e deseño de marca e identidade corporativa. O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por proxecto e as axudas terán unha intensidade do 50 %.
Novidades
Como novidade, nesta ocasión, inclúense como posibles beneficiarias entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro, así como empresas TIC (que estaban excluídas nas edicións anteriores). Tamén se inclúen os custos indirectos como financiables por primeira vez e incorpórase como requisito a presentación de diversas actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e servir de exemplo para outras pemes.
Nas convocatorias de 2021 e 2022 foron beneficiarias un total de 54 pemes galegas. En total, nos proxectos desenvolvidos interveñen máis de 80 profesionais cualificados.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.