O dicionario recompila casos de éxito para difundir o talento galego
REDACCIÓN
A publicación ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación en Galicia é un compendio de casos de éxito que representa unha oportunidade para entender como a nosa comunidade autónoma ten todo a favor para ser un referente no campo do deseño para a innovación: o talento dos profesionais, a experiencia das empresas que incorporan o deseño e recursos e materiais naturais e sostibles.
Este dicionario, dispoñible para consulta e descarga na web da Axencia Galega de Innovación, é unha publicación viva que nace con 140 referencias, coa vocación de incorporar novas entradas progresivamente a través dun proceso de actualización continua.
Trátase dun proxecto de difusión –a través de referentes históricos e casos de éxito– dos beneficios que supón combinar deseño e innovación en termos de competitividade empresarial. E, ao mesmo tempo, é un recoñecemento ás empresas e profesionais que o fan posible dende hai moitas décadas.
Así, por exemplo, no A do ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación en Galicia conviven o deseño gráfico, de espazos, de packaging, de moda, editorial e de iluminación coa aposta institucional da Axencia Galega de Innovación a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.
Casos de éxito
Como en todos os dicionarios, a obra estrutúrase conforme ás letras do abecedario. Así, no caso do A atopamos exemplos concretos de bo facer en deseño coma os do restaurante A Tafona; as Adegas Castrobrey; o deseñador de moda Adolfo Domínguez ou a institución Afundación – Obra Social Abanca, entre outras.
Xunto a estas, tamén se detalla no B, a innovación nos materiais de construción e na artesanía de Bandalux, os vehículos senlleiros da empresa de automoción Barreiros, o hotel eco-sostible Bela Fisterra, a firma de deseño téxtil artesanal Belategui Regueiro ou Betanzos HB.
Paralelamente, no C, ofrécese información de grandes estudios de deseño galegos actuais e de compañías históricas como Cabaniñas do bosque, Cabreiroá, Costa, Cupa Group, Castromil, Castrosua, Cerámicas do Castro, Casa Grande de Xanceda, Cenlitrosmetrocadrado, a revista Céltiga, a deseñadora e ceramista en Sargadelos Carmen Arias ÅgMiminaÅh ou a empresa de electrodomésticos Cenor, entre outras.
No D do dicionario conviven o deseño de moda e en pedra, a forza do asociacionismo, o design thinking e grandes nomes do deseño galego, dende o talento emerxente ata o máis consolidado, como a DAG, Desescribir ou Desonhos.
O E constitúe o punto de encontro para as escolas de deseño e as grandes editoriais galegas. E no F abórdanse os casos de Finsa, Frinsa, Artesanía de Galicia, a Fundación Didac ou a Fundación Barrié, entre outros.
Visionarios
O G do dicionario abrangue o exemplo da histórica revista Galicia Emigrante ou do festival Galicia Design Week, entre outras iniciativas. E, no I, resáltase pola súa relevancia en termos económicos o caso de Inditex, xunto a figuras de creadores como Isaac Díaz Pardo ou Idoia Cuesta.
Trátase dunha publicación viva, que nace con 140 referencias, coa vocación de ir incorporando progresivamente novas entradas
A innovación na industria do material deportivo e da artesanía téxtil protagonizan o J e o K desta obra con exemplos como Jim Sports ou Knitbrary. No capítulo do L atópanse algúns dos nomes máis destacados do deseño en diferentes disciplinas, entre eles os de Luis Carballo ou Luis Seoane, o gran renovador da gráfica galega do século XX. No M reflíctense, entre outros, as referencias da Materioteca de Galicia, Massó, Mobalco, Mondariz ou o Museo Carlos Maside.
Entre os exemplos máis coñecidos que protagonizan o N temos os casos de Noroeste Obradoiro (xoiaría artesanal), Norvento, Nuria Carballo ou Numax.
Iconas e talento emerxente
No O danse cita a cerámica desde a visión enxeñaril e a olería de raíces tradicionais, como a Olería de Buño, xunto coa alimentación ecolóxica e gourmet (Orballo). Mentres, o P é un tentador compendio de apostas polo deseño da industria alimentaria, entre as que destacan Paco & Lola ou Pazo de Vilane, con nomes de referentes como Pepe Barro.
O téxtil e o naval, xunto con grandes nomes da arquitectura, do deseño gráfico e da xoiaría, danse cita no capítulo do R con entradas como Refrey, RiR&Co Diseño Textil Artesano, Rodman, Rodolfo Ucha Piñeiro ou Rosa Méndez.
No S infórmase sobre a experiencia en termos de deseño de Sargadelos, Sara Regal, Santos, Seivane ou Selmark. E no T, abórdase, entre outras, a experiencia neste eido de Teiga Studio, Televés ou a icona editorial da movida viguesa, Tintimán.
A innovación en vehículos de altas prestacións e varios nomes senlleiros do deseño de onte e de hoxe danse cita no U e no V coas entradas de Uqui Permui, Urovesa, Verónica Moar ou Víctor Moscoso, por exemplo. E no X conviven grandes nomes do deseño, da arquitectura e da ilustración, persoas que representan a evolución de diversas disciplinas como Xaime Isla Couto, Xosé Díaz ou Xosé Vizoso.
O Y e o Z pechan co talento emerxente de dúas irmás: Eva e Marta Yarza (Yarza Twins) e co caso da empresa pioneira en innovación farmacéutica de Galicia: Zeltia.
Este proxecto editorial enmárcase no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-DIFERENZA, dándolle continuidade ás iniciativas da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación DIDAC, para recoñecer e difundir as mellores prácticas de incorporación do deseño como ferramenta de innovación e competitividade.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.