As redes de pesca transfórmanse en materiais de uso para campos deportivos
O proxecto Redes Vivas, presentado recentemente por Abanca, dá unha nova vida ás redes de pesca abandonadas e convérteas en material de uso para os campos deportivos. Redes Vivas preséntase, pois, coma un proxecto integral con continuidade futura. Abarca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, desde a súa reciclaxe ata a súa colocación en canchas e campos deportivos de clubs patrocinados polo banco no marco do seu programa Abanca Deporte Base, unha iniciativa que chega cada ano a case 20.000 deportistas de preto de 1.700 equipos.
A acción ten un impacto positivo en tres das liñas estratéxicas do banco: sostibilidade, xa que contribúe ao coidado do medio ambiente e fomenta a economía circular; promoción da economía local e dos sectores produtivos, achegando innovación e visibilidade a un oficio tradicional e artesán realizado maioritariamente por mulleres; e apoio ao deporte, dotando de material aos clubs galegos.
Preocupación da sociedade
A directora de Marketing de Abanca, Susana Ortiz, explicou na presentación que a idea xurdiu como resposta á preocupación da sociedade e do sector pesqueiro polo incremento exponencial de residuos no mar. “Do coñecemento da nosa unidade especializada Abanca Mar e da súa estreita relación cos colectivos do mar, xunto co contacto que temos cos clubs a través do noso programa de apoio ao deporte, xorde esta colaboración coas redeiras de Malpica e Corme, que conseguen dar unha nova vida a estas artes de pesca nos campos”, indicou.
Os aparellos recuperados serán utilizados en seis disciplinas deportivas das 34 que apoia o banco: fútbol, balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, kaiak polo e hóckey herba. Ata o momento recicláronse 1.384 quilos de redes extraídas das costas, que se transformaron, grazas ao traballo das redeiras, en 1.514 metros cadrados de material deportivo. As novas redes servirán para renovar 78 porterías de 39 clubs das catro provincias galegas.
Durante o acto tamén se fixo unha entrega simbólica das primeiras redes recuperadas aos capitáns dos equipos masculino e feminino do Club Balonmano Porriño, un dos clubs deportivos que van utilizar este novo material froito da reciclaxe.
As novas redes servirán para renovar 78 porterías de 39 clubs das catro provincias galegas
Compromiso ambiental
O coidado do medio ambiente e a protección da biodiversidade é unha das prioridades do Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible presentado o pasado mes de maio. A entidade marcouse como obxectivo alcanzar a neutralidade en carbono da súa actividade en 2024 e as cero emisións atribuíbles á súa carteira en 2050.
Con este fin, deu un impulso a proxectos nos que xa estaba a traballar para reducir o impacto negativo da súa actividade no medio ambiente. Entre outras medidas, tanto Abanca como a súa Obra Social, Afundación, consomen enerxía 100% renovable desde 2020; ademais, realizouse o cálculo da pegada de carbono do banco, estase deseñando un plan de redución e compensación de emisións e elaborouse unha estratexia para mellorar a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos que xera.
Tamén se potencian outras iniciativas de voluntariado e de sensibilización ambiental realizadas en colaboración con Afundación, como a reforestación, a retirada de especies invasoras ou a limpeza das costas e dos fondos mariños, que este ano se canaliza de maneira prioritaria a través do Plan de Conservación Territorial-ON (PLANCTON), impulsado pola Obra Social de Abanca en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.