Premios Galicia de Innovación e Deseño

A Xunta entrega os seus primeiros Premios Galicia de Innovación e Deseño

A Xunta celebrou o pasado venres 26 de febreiro a cerimonia de entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Durante o acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura e puido seguirse en streaming, coñecéronse os seis gañadores e gañadoras da primeira edición deste certame.

Estes premios son unha iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para distinguir a contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.

Tres das seis categorías do certame están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e do seu crecemento empresarial.

A grande empresa recoñecida por ter o perfil máis innovador foi Cupa Innovación. Na categoría de pemes a gañadora foi Marine Instruments. A maiores, foi entregado o premio da categoría de traxectoria innovadora a Francisco Guitián, director do Instituto de Cerámica da Universidade de Santiago de Compostela.

Premios Galicia de Innovación e Deseño
Fotos: Manuel González Vicente

As seis categorías do certame están dirixidas a recoñecer as traxectorias e as prácticas empresariais máis destacadas en innovación e deseño

As outras tres categorías distinguiron aos profesionais e empresas que contribúen de xeito destacable á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade.

O equipo creativo do estudio de deseño Cenlitrosmetrocadrado levou o premio na categoría de profesionais. A empresa gañadora como caso de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial foi Televés. E a deseñadora menor de 35 anos elixida polo xurado foi Eva Yarza.

Durante o acto de entrega dos galardóns, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estableceu a integración do deseño e da innovación no ADN do emprendemento como un dos grandes retos deste século. “Na pandemia, demostrouse que as empresas necesitan máis que nunca creatividade, innovación e dixitalización”, abondou.

Feijóo referiuse aos galardoados e finalistas destes premios como os grandes expoñentes dunha Galicia inconformista e talentosa “que intenta estar sempre un paso por diante”.

“En innovación hai pioneiros aos que lle debemos moito do camiño andado, como o profesor Francisco Guitián; e compañías que continúan abandeirando o espírito da innovación co seu gran labor”, dixo o presidente da Xunta de Galicia, destacando a traxectoria da plataforma tecnolóxica ideada por Marine Instruments, para monitorizar caladoiros de todo o mundo; o aproveitamento enerxético da corrente do mar que usa Magallanes Renovables; ou o sistema que Situm Technologies puxo en marcha para a localización de interiores en hospitais, centros comerciais ou aeroportos.

Así mesmo, destacou o traballo das empresas Cupa Innovación e Egatel, sen as cales non se pode entender o potencial do sector da lousa e da distribución de TV dixital, respectivamente.

E, na categoría do deseño, resaltou a profesionalidade de Eva Yarza, Beatriz Lema e Sofía Blanco; así como dos equipos de Cenlitrosmetrocadrado, Costa Comunicación Visual, Fruto DS, Televés, D-due e Bico de Xeado.

CATEGORÍAS DESEÑO

CATEGORÍA PROFESIONAIS DESEÑO

Premios Galicia de Innovación e Deseño

O equipo do estudio Cenlitrosmetrocadrado fíxose co premio na categoría de profesionais do deseño.

Javier Aliste, Ricardo Tubío e Xabier Rilo lideran o equipo de Cenlitrosmetrocadrado, fundada en 2006 en Santiago de Compostela para ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que combine a función práctica cos aspectos emocional e social.

Cunha identidade de marcado carácter atlántico, desenvolve proxectos de deseño de produto, gráfica, sinaléctica e embalaxe e deseño de espazos. No seu catálogo contan con pezas de cerámica para Sargadelos, espazos para Finsa e pezas de iluminación para A by Arturo Alvarez, entre outros.

“As persoas que traballamos en Cenlitros entendemos o traballo do estudio como unha sinxela e humilde achega á mellora da calidade
de vida da xente. O foco principal atópase no cliente, pero tendo en conta a outros actores que o rodean como colaboradores, provedores, produtores… na busca de que os proxectos repercutan social e economicamente no contorno local do encargo”, aseguran.

Como finalistas quedaron os estudios de deseño FrutoDS e Costa.

CATEGORÍA DESEÑADORES/AS MOZOS/AS

Eva Yarza é a gañadora na categoría de deseñadores/as mozos/as.

Titulada en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid, Yarza (Vigo, 1988) obtivo en 2013 o Master of Arts Communication Design no Central Saint Martins (Londres), formando parte do grupo de 12 estudantes seleccionados pola revista Digital Arts como os mellores graduados ese ano na universidade británica.

En 2017 funda coa súa irmá o estudio Yarza Twins, onde desenvolve proxectos de tipografía, 3D, animación, deseño editorial e de marca, desenvolvemento web e ilustración para compañías internacionais como Adidas, MTV, Converse, Smirnoff ou HP. Xuntas obtiveron en 2020 o Premio Nacional de Diseño e Innovación na categoría Diseñadores Jóvenes.

Nestes tres anos conseguiron grandes proxectos coma o deseño da tipografía oficial de marca de FIA Formula e o deseño editorial da revista NEO. Recentemente, entraron na industria musical cun vídeo lírico para o cantante Mika e unha portada para Carly Rae Jepsen.

As outras dúas deseñadoras mozas que chegaron á final foron a deseñadora de produto e ilustradora Beatriz Lema e a arquitecta Sofía Blanco.

CATEGORÍA INCORPORACIÓN DO DESEÑO Á EMPRESA

Televés obtivo o premio na categoría de empresas cunha incorporación destacada do deseño na súa estratexia de negocio.

Nacida en 1958 en Santiago de Compostela, céntrase no deseño, desenvolvemento e fabricación de produtos para integrar solucións que converten as infraestruturas de telecomunicacións de edificios e fogares en plataformas dixitais para ofrecer servizos de comunicación, lecer, saúde e benestar.

Nestes máis de 60 anos, Televés lanzou ao mercado máis de 1.500 produtos diferentes, que comercializa en máis de 100 países no cinco continentes, a través dunha extensa rede de distribuidores.

Desde os anos 70 toda a organización integrou un enfoque de deseño e innovación nas súas actividades a través dos denominados “Plan 100”, iniciativas periódicas para renovar todos os seus produtos, servizos e procesos mediante metodoloxías como o design thinking. Para levalos a cabo, en todos os seus departamentos fóronse integrando ao longo do tempo profesionais do deseño.

As outras dúas empresas destacadas polo xurado en calidade de finalistas foron Bico de Xeado e D-due.

CATEGORÍAS INNOVACIÓN

CATEGORÍA PEMES INNOVADORAS

Marine Instruments é a gañadora na categoría de pemes innovadoras.

Fundada en 2003 na localidade pontevedresa de Nigrán, dedícase á I+D+i e á fabricación de produtos e sistemas electrónicos, principalmente para o sector pesqueiro.

Lidera o seu sector a nivel internacional, con exportacións a máis de 30 países, e inviste máis de 2,5 M € ao ano en proxectos de I+D. Entre os últimos atópanse SusTunTech, financiado a través do Horizon 2020, para reducir o consumo de combustible e das emisións da flota atuneira, e Global EM Ecosystem, que consiste no desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica integrada para a monitorización electrónica de caladoiros de todo o mundo.

Desde 2018, traballa na diversificación da súa tecnoloxía para a súa aplicación en produtos para os sectores da acuicultura e da seguridade e defensa.

Nesta categoría, as pemes que quedaron como finalistas foron Situm Technologies e Magallanes Renovables.

CATEGORÍA GRANDES EMPRESAS INNOVADORAS

Cupa Innovación resultou gañadora na categoría de grandes empresas innovadoras.

Con sede en Vigo, foi fundada en 2006 para desenvolver as actividades de I+D+i do Grupo Cupa, formado por máis de 65 empresas que operan no sector da lousa con exportacións a máis de 70 países.

Desde a súa creación, Cupa Innovación liderou e participou en máis de 40 proxectos de I+D+i para o desenvolvemento de produtos sustentables e eficientes enerxeticamente e a optimización de procesos con tecnoloxías 4.0, entre outros.

Nos últimos anos, desenvolveu desde Galicia produtos novos que xa son un éxito no mercado internacional, como Thermoslate, Thermochip, Cupaclad, Stonepanel, Stonetack e Ready Slate, todas elas solucións construtivas caracterizadas pola eficiencia, a sustentabilidade e a durabilidade.

As dúas grandes empresas que quedaron ás portas do premio foron Televés e Egatel.

CATEGORÍA TRAXECTORIA INNOVADORA

Premios Galicia de Innovación e Deseño

Francisco Guitián, director do Instituto de Cerámica de Galicia da USC, é o galardoado na categoría de traxectoria innovadora.

Guitián, doutor en Química, está especializado desde hai 40 anos na I+D nos campos da cerámica e da ciencia de materiais. O grupo de investigación que dirixe está recoñecido coma un dos 50 máis activos de Galicia. Durante a súa traxectoria publicou máis de 160 artigos científicos e participou en 70 proxectos de I+D.

Conta cunha destacada traxectoria no eido da transferencia tecnolóxica, con medio cento de contratos industriais de I+D e contratos de servizos con máis de 140 empresas. Ademais, rexistrou 28 patentes nacionais e outras 19 internacionais e participou na posta en marcha de seis empresas de base tecnolóxica.

Artículo anterior
Julián Abad

Julián Abad “La creatividad es un valor diferencial”

Siguiente artículo
V Premios Paraugas

Choiva de talento nos V Premios Paraugas