Materioteca de Galicia

A Xunta dixitaliza a Materioteca de Galicia

A web da Materioteca de Galicia (www.materioteca.gal) entrou en servizo a principios de outubro como a primeira base de datos dixital de materiais innovadores creados por empresas e centros de coñecemento galegos. 

Nela están dispoñibles as fichas técnicas dos materiais con selo galego que foron incorporados ao longo do ano e medio de traxectoria deste servizo e que xa se achegan á trintena. A estas fichas iranse unindo as referencias dos materiais que se incorporen á biblioteca de materiais no futuro, como resultado do proceso continuo de identificación e captación que se está a levar a cabo.

 A nova web difunde materiais creados por empresas e centros de coñecemento galegos 

Esta nova plataforma web permite o libre acceso ao seu repositorio dixital de mostras para profesionais do deseño, da enxeñería, da arquitectura, da tecnoloxía e demais perfís implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. 

Ademais, a plataforma permite que calquera usuario ou usuaria poida propoñer a incorporación de novos materiais creados en Galicia, xa sexan propios ou doutras entidades coas que colabora.

Esta nova plataforma web permite o libre acceso ao seu repositorio dixital de mostras 

Outra das utilidades asociadas á nova web é a información de actualidade sobre o campo dos materiais innovadores. Isto inclúe reportaxes sobre os materiais galegos incorporados á Materioteca de Galicia, noticias publicadas nos medios de comunicación, informes sobre patentes e información sobre oportunidades de colaboración neste eido identificadas a través da Enterprise European Network, rede na que participan máis de 600 entidades de 60 países.

A Materioteca de Galicia foi creada en 2019 no marco do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia como espazo de difusión de materiais innovadores. Combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas –situado no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol– con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial, sobre os que tamén se pode atopar toda a información na nova web.

Artículo anterior
comunidade innovadora

O deseño contribúe a crear unha comunidade innovadora e competitiva

Siguiente artículo
Tórculo

Tórculo despide el año con una campaña por todo lo alto