A Xunta aumenta nun 46 % as axudas para a incorporación do deseño nas pemes galegas

En total, están a ser apoiados 36 novos proxectos cunha mobilización total de 4,4 millóns de euros co DeseñaPeme


REDACCIÓN


A Xunta de Galicia incrementou nun 46 % a dotación do DeseñaPeme, a liña específica de axudas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico. A recente resolución destas axudas supón un investimento público de 2,2 millóns de euros, que nas tres anteriores convocatorias fora de 1,5 millóns de euros.

En total, están a ser apoiados 36 novos proxectos cunha mobilización total de 4,4 millóns de euros para que as empresas beneficiarias melloren a súa competitividade grazas ao deseño de produto, o deseño de servizos e experiencias e o deseño de marca e identidade corporativa.

Entre as beneficiarias do DeseñaPeme destacan as empresas que desenvolven a súa actividade nos sectores agroalimentario e das TIC, con 8 proxectos cada un, o que supón preto da metade do total (44 %). En canto a tamaño, o 39 % son microempresas, un 33 % pequenas e un 28 % medianas. Por provincias, a maioría das beneficiarias proceden de Pontevedra (19), seguida da Coruña (8), Lugo (5) e Ourense (4). A nivel territorial, destaca a proporción de proxectos procedentes de concellos rurais, que ascende a 24, o que supón preto do 67 %. Ademais, 14 das pemes beneficiarias atópanse en concellos emprendedores.

Entre as beneficiarias do DeseñaPeme destacan as empresas que desenvolven a súa actividade nos sectores agroalimentario e das TIC

Esta axudas financian proxectos que contemplan un investimento de máis de 602.000 euros para levar a cabo 18 novas contratacións, das que a maioría son mulleres (cerca do 80 %). Ademais, supoñen un investimento en persoal propio que supera os 1,37 millóns de euros e inclúen 25 subcontratacións con estudios e profesionais de deseño por importe superior aos 770.000 euros.

118 proxectos no marco do DeseñaPeme

Dende a súa posta en marcha, esta liña de axudas impulsada no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, está a permitir o desenvolvemento de 118 proxectos cun investimento de 6,7 millóns de euros, que se traducen nunha mobilización total de 13,4 millóns de euros.

Mediante estas axudas, a Xunta de Galicia quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas. Isto materialízase no incremento da súa capacidade innovadora e da súa competitividade no mercado global, con base na repercusión directa que ten a incorporación do deseño nalgúns dos aspectos máis significativos da actividade empresarial, como o volume de vendas, a penetración no mercado, a internacionalización, a propiedade industrial, a diferenciación, a imaxe percibida e o recoñecemento de marca ou a fidelización do cliente.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Artículo anterior

A sostibilidade aplicada ao deseño protagoniza as xornadas Apertura da EASD Mestre Mateo

Siguiente artículo

El sector de la comunicación despide el 2024 con un brindis navideño