
Preto de 30 empresas ofreceron máis de 120 oportunidades laborais na súa 19ª edición
REDACCIÓN
A XIX Feira de Emprego Talento Xove da Cámara de Comercio da Coruña celebrouse o pasado 12 de marzo en Carballo, reunindo a preto de 200 mozos e mozas en busca de novas oportunidades laborais e a 29 empresas con máis de 120 procesos de selección abertos.
O evento consolídase como unha cita de referencia para favorecer o encontro entre o talento novo e o tecido empresarial. Desde 2017, Atelier colabora coa Cámara de Comercio da Coruña na creación das pezas gráficas das Feiras de Emprego, que se celebran tanto na Coruña como en Carballo, contribuíndo á súa identidade visual ao longo das distintas edicións.
O evento consolídase como unha cita de referencia para favorecer o encontro entre o talento novo e o tecido empresarial
No acto de inauguración participaron o alcalde de Carballo, José Daniel Pérez, e a vicepresidenta segunda da Cámara de Comercio, Luz Pardo. Durante a súa intervención, Pardo destacou a evolución do mercado laboral e a importancia das competencias persoais:
“O mercado laboral cambiou moito nos últimos anos. Antes dicíase que o máis importante era ter un título. Hoxe sabemos que hai algo igual ou incluso máis importante: a actitude. As empresas buscan persoas curiosas, con ganas de aprender, de adaptarse e de traballar en equipo. Porque moitas carreiras profesionais non comezan cun gran contrato nin cun posto perfecto. Comezan cunha primeira oportunidade, cunha entrevista ou cunha experiencia que abre novas portas. E esa oportunidade pode empezar hoxe mesmo nesta feira”.
Luz Pardo: “O mercado laboral cambiou moito nos últimos anos”
Pola súa banda, José Daniel Pérez puxo o foco na relevancia deste tipo de iniciativas para a mocidade: “hoxe estamos aquí para falar de oportunidades. Porque sabemos que atopar emprego non sempre é doado, especialmente para quen está dando os seus primeiros pasos no mercado laboral. Por iso, espazos como esta feira son tan necesarios: porque permiten coñecer empresas, falar directamente cos seus responsables e descubrir que perfís profesionais están a demandar neste momento”.
Talento novo
A feira estivo especialmente dirixida a mozas e mozos de entre 16 e 29 anos que buscan unha oportunidade laboral ou desexan orientar mellor o seu futuro profesional, contribuíndo así ao desenvolvemento do talento e á fixación de poboación no territorio.
Entre os perfís demandados polas empresas participantes atópanse postos nas áreas de administración e xestión, artes gráficas, comercio e marketing, edificación, educación, electricidade, fabricación mecánica, hostalería e turismo, imaxe e son, alimentación, loxística, recursos humanos, seguridade e medioambiente, téxtil ou transporte, entre outros.
A feira estivo especialmente dirixida a mozas e mozos de entre 16 e 29 anos que buscan unha oportunidade laboral ou desexan orientar mellor o seu futuro profesional
As compañías participantes incluíron APECCO, Arce Clima, Axober, Carrefour, Citanias, Commcenter, Dia Group, El Corte Inglés, Espazo Nature, Eulen Flexiplan, Fridama, Fuerzas Armadas, Gadisa, Genesal Energy, Grupo Aluman, Grupo Atlante, Grupo Externa, Grupo Gestán, Grupo Nortempo, Grupo Temporing, Integra Cee, Inusual, Jardanay, Ln Consultores, Nauterra (G. Calvo), Nordés Ancín, Polígono de Carballo e Vegalsa-Eroski.

Talleres de empregabilidade
Durante a xornada tamén se desenvolveron talleres de empregabilidade centrados en estratexias para participar en procesos de selección, así como un servizo de asesoramento laboral da Cámara para orientar ás persoas asistentes.
Ademais, habilitouse un espazo informativo da Bolsa de Emprego do Concello de Carballo, e diversos obradoiros: A actitude de contrata, impartida por Leticia García Pérez, docente en GÁLICA Consultoría e Formación; e Taller práctico: Soft Skills, impartido por Luis Garía Deber, director xerente en Fundación Ronsel.
Durante a xornada tamén se desenvolveron talleres de empregabilidade centrados en estratexias para participar en procesos de selección
“A Feira de Emprego da Cámara da Coruña enmárcase no Programa Talento Joven das Cámaras de Comercio de España, que se enmarca e na Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo do Ministerio de Traballo e Economía Social, e está incluído no Programa FSE+ de Emprego Xuvenil 2021-2027.
Trátase dun programa gratuíto dirixido a todo o colectivo de mozos destinatarios da Garantía Xuvenil que ten como obxectivo tanto a mellora da educación e a formación, como o fomento da contratación e o autoemprego.”