A axencia As Peaky Branders foi a encargada de elaborala
REDACCIÓN
Concienciar sen infundir medo nin alarmismos é o obxectivo da nova campaña que a área de Igualdade da Deputación da Coruña ven de lanzar da man da axencia creativa As Peaky Branders, que promove o dereito a desfrutar “sen medo, libres de submisión química e outras violencias de xénero”. Para iso, déronlle un novo significado á táboa periódica dos elementos químicos, reivindicando que “a única química posible nas relacións é a que está baseada na igualdade, o consentimento e a atracción mutua”.
“Nesta campaña a acción recae sobre o posible agresor, non sobre a vítima”, explican As Peaky Branders. “Interpelámolo directamente para que se dea conta de que tratar de manter relacións sexuais con unha persoa que non está en posesión das súas plenas facultades polo abuso do alcohol e/ ou doutras drogas, ou ben administrar substancias químicas para anular a súa vontade é un delito denominado submisión química” apuntan.
Concienciar dende a información e a educación
Infundir medo é tamén un tipo de violencia de xénero, por iso a campaña trata de concienciar dende a información e a educación. A través das diferentes publicacións en redes sociais, explícase que é a submisión química, pero tamén sobre que piares debe construírse unha relación en igualdade facendo uso dos distintos elementos da táboa periódica.
Nunha época como o Nadal, chea de festas e saídas nocturnas, é máis importante que nunca fomentar as relacións en igualdade e ocupar os espazos de diversión dende unha óptica de seguridade e desfrute para todas as persoas.
Asesoramento e supervisión: claves da campaña contra a submisión química
A axencia As Peaky Branders vén de incorporar ó equipo a María Reimóndez, quen realizou un traballo de asesoramento e supervisión en perspectiva de xénero ó longo de todo o proceso creativo, levado a cabo por Iria Otero e Marián Rodríguez, xa que, segundo explican dende a axencia, “facer campañas deste tipo require un coñecemento específico”.