O VII Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial chegou á súa sétima edición co obxectivo de continuar abrindo canles de contacto entre profesionais do deseño e empresas galegas
REDACCIÓN
Máis de 200 profesionais, estudantes e representantes de pemes e doutras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de competitividade participaron en abril no VII Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial. O evento, organizado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), tivo lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño, en Ferrol.
O encontro chegou á súa sétima edición co obxectivo de continuar abrindo canles de contacto e colaboración entre profesionais do deseño e empresas galegas. Nesta ocasión púxose o foco na relación que existe entre o deseño, a tecnoloxía e o impacto económico, en liña coas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia, no marco do que se celebrou o evento.
Uqui Permui e o cofundador do estudio Costa, Dani Bembibre, gañadores na última edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño nas categorías de profesionais e empresas, exploraron o propósito do deseño e a súa capacidade para xerar desenvolvemento social e económico. Permui definiu o deseño 360º como a aplicación de todos os enfoques posibles cunha mirada pluridisciplinar para lograr un todo coherente, o que permite lograr que o deseño se convirta nunha experiencia fundamentada en valores.
Pola súa banda, Bembibre asegurou que o deseño é un servizo que debe xerar un valor para as empresas, crear elementos útiles que teñan aplicación máis alá da intervención dos deseñadores. Como exemplo puxo a marca da Xunta de Galicia.
A deseñadora de produto dixital Carmen Bouza, que forma parte do equipo de Accenture Song, afirmou que é importante asumir que a innovación é incómoda pola nosa resistencia natural ao cambio. A súa forma de xestionalo cando traballa con empresas é convencelas de dedicarlle tempo ao pensamento estratéxico ademais de ao executivo, mesmo permitíndose divagar.
A ligazón de deseño e tecnoloxía ao servizo da experiencia de usuario foi obxecto de análise por parte de Rosa Seoane, de ABANCA, que expuxo que buscan conseguir a mellor experiencia para a clientela a través das solucións tecnolóxicas máis innovadoras. Segundo explicou, as novas funcionalidades concíbense a partir da análise da necesidade, con persoas deseñando tecnoloxía para persoas.
Por último, Javier Cañada, de Instituto Tramontana e Visual MS –empresa finalista na categoría de pemes innovadoras dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023–, asegurou que o deseño dixital contén todas as outras formas de deseño: ambiental como o de espazos, tanxible como o industrial, simbólico como o gráfico, de identidade persoal como o de moda.
Premio Despunte
O encontro contou tamén cun espazo expositivo no que se puido coñecer de cerca o proxecto gañador do Premio Despunte 2024 ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Produto. O galardón, patrocinado por Gain, foille outorgado á estudante Irene Bazo pola Escola Superior de Deseño Mestre Mateo como recoñecemento ao seu proxecto de adaptación de accesorios de cociña para persoas con problemas de baixa visión.
A liña de utensilios deseñada baixo a marca Cocotex –que inclúe pratos, unha pinza-espátula, unha táboa de cortar e un adaptador de luz para potas– busca proporcionar solucións accesibles e funcionais para mellorar a vida das persoas con baixa visión, así como dar visibilidade a este tipo de discapacidades.
Ademais de profesionais do deseño galego e representantes de empresas, o encontro reuniu a alumnado e profesorado do Campus Industrial da Universidade da Coruña, das EASD Mestre Mateo e Pablo Picasso, da Escola Superior Marcelo Macías e do CIFP Rodol-fo Ucha de Ferrol.