A nova Oficina Económica de Galicia, referente para outras comunidades

A Oficina Económica de Galicia realiza labores de coordinación con outros axentes á hora de identificar novas oportunidades de investimento


REDACCIÓN


A Oficina Económica de Galicia, comandada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), xa está en marcha. Logo dun investimento próximo aos 6 millóns de euros e cun equipo de 100 profesionais que prestan acompañamento e asesoramento personalizado a empresas e emprendedores está a se converter nun referente para outros territorios.

Comunidades autónomas como a asturiana xa amosaron o seu interese por coñecer este novo órgano do Goberno galego que ten como máxima “desburocratizar” a Administración e converter Galicia nunha comunidade atractiva tanto para as empresas que xa están instaladas como para os novos investimentos.

Máis de 7.000 consultas atendidas

A Oficina Económica de Galicia foi unha das propostas estrela incorporada na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos 2024 polo departamento que dirixe María Jesús Lorenzana. O obxectivo é avanzar no proceso de axilización que iniciou Galicia cun novo modelo de relación coas empresas. Deste xeito, a Oficina funciona como unha canle única entre empresas e administración, facilitando información, atención, asesoramento, acompañamento e apoio individualizado, personalizado e especializado.

A Xunta de Galicia continúa o seu proceso de desburocratización para atraer riqueza e xerar emprego na comunidade

Desde a súa apertura atendéronse máis de 7.000 consultas das que o 79% resolvéronse no momento. Ademais concertáronse 354 reunións con empresas, e prestouse asesoramento personalizado a 154 proxectos de especial relevancia. Por sectores, as principais consultas proveñen de ámbitos como o enerxético, a automoción, a economía circular, o sector mar-industria, o turismo, as TIC, a loxística, o contract e a construción.

Xunto con isto, tamén cómpre sinalar que esta oficina realiza labores de coordinación con outros axentes e entidades externas, tanto de forma directa como a través de ICEX/Invest in Spain, á hora de detectar obstáculos administrativos e identificar novas oportunidades de investimento.

Preto de 6 millóns en investimento

A posta en funcionamento da Oficina Económica comportou un investimento de case 6 millóns de euros, dos que preto de 1 millón de euros foron destinados a recursos humanos para dotala dun equipo de máis de 100 profesionais a partir de persoal do Igape e a colaboración con empresas especializadas.

Para a dixitalización de todos os servizos, investíronse 1,4 millóns de euros. E os 3,5 millóns de euros restantes van dirixidos a programas específicos de asesoramento empresarial, como o Economía Responde ou o Reacciona (axudas para que as empresas galegas poidan ver mellorada a súa competitividade co apoio de expertos).

Menos burocracia, máis facilidades

A redución dos prazos para que as tramitacións dos proxectos empresariais sexan máis rápidas e, en definitiva, máis sinxelas, é outro dos obxectivos que se marca o equipo da Oficina Económica de Galicia que, dirixido por Natalia Barros, quere ser un espello no que mirarse de maneira que calquera solicitude de información é atendida en menos de 24 horas.

A atracción de capital a Galicia é outra das tarefas deste órgano que traballa en coordinación con todas as institucións e administracións que poidan ofrecer unha solución a empresas e emprendedores. É dicir, a Oficina ofrece información, non só da Administración galega, senón tamén do Estado ou mesmo da Unión Europea.

A Oficina funciona como unha canle única entre empresas e administración, facilitando información, asesoramento, acompañamento e apoio individualizado, personalizado e especializado

A posta en marcha da Oficina Económica de Galicia veu acompañada de outras iniciativas que buscan converter a Galicia nun polo de atracción industrial na Península. Entre elas, a activación da gratituidade durante os oito primeiros anos do dereito de superficie nas parcelas de natureza empresarial titularidade da Xunta de Galicia (a través da Sociedade Xestión do Solo de Galicia Xestur S. A.).

Máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial que se porán a disposición do empresariado galego nos próximos días. Pero ademais, Galicia conta con instrumentos como o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais para aqueles que superen os 800.000 euros de investimento, aos que se lle establece un prazo de tramitación dun ano.

Artículo anterior

Marineda City triunfa entre la generación Z con el túnel del terror más viral

Siguiente artículo

Bitelchús, el personaje más buscado este Halloween