A Lei galega contra o acoso e a violencia dixital en Galicia

A futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia será a primeira norma específica neste eido en España e Europa


REDACCIÓN


O Goberno galego vén de presentar no Parlamento de Galicia a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, un texto normativo que busca situarse como unha iniciativa pioneira en España e en Europa. O obxectivo prioritario é establecer un marco de protección integral para a sensibilización, a prevención, a detección, a atención, a protección e a reparación fronte ao ciberacoso, garantindo os dereitos fundamentais, a dignidade persoal, a igualdade de xénero e a protección da infancia.

Segundo se expuxo no trámite lexislativo, o texto céntrase especialmente nos colectivos máis vulnerables, como son os menores, as mulleres e persoas LGBTI. O desenvolvemento deste proxecto normativo, coordinado pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, é froito dun longo proceso de escoita activa que incluíu a recollida de alegacións e reunións directas cos afectados e familiares para coñecer de primeira man as súas demandas.

Borrado da pegada dixital

Entre as prestacións máis novidosas que asumirá a Xunta de Galicia, destaca a creación dun servizo gratuíto de borrado da pegada dixital. Esta medida permitirá a eliminación, na medida en que sexa tecnicamente posible, de todo aquel material accesible na rede que fose empregado como instrumento de acoso ou violencia.

Da mesma maneira, activarase un servizo gratuíto de asesoramento e apoio técnico para previr novos ataques e garantirase o acceso a información, orientación e asistencia xurídica gratuíta para todos os afectados –sen importar a idade ou o xénero–, un recurso ao que se poderá acceder sen necesidade de presentar denuncia previa.

No eido educativo e preventivo, a norma fixa a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas

O catálogo de dereitos recoñecidos por esta lei inclúe o dereito á atención integral, a restauración da reputación dixital, a recuperación do proxecto vital e a reparación simbólica. Para complementar esta protección, o Goberno galego elaborará unha guía informativa sobre os dereitos das persoas afectadas e impulsará a investigación universitaria nesta materia, sumada á publicación dun informe anual sobre a incidencia dos delitos dixitais en Galicia.

Estratexias de sensibilización e prevención

A futura norma dedica unha atención preferente ás campañas de información e sensibilización periódicas, deseñadas con criterios de accesibilidade universal para superar as barreiras de idade, discapacidade ou illamento no medio rural. Así, prevese o uso de linguaxe adaptada para menores e accións específicas para reducir a fenda dixital nas persoas maiores, ademais de promover acordos de autorregulación cos medios de comunicación privados.

Esta lexislación, que inicia a súa tramitación parlamentaria, garantirá asistencia xurídica e un servizo gratuíto de borrado da pegada dixital usada como instrumento de acoso

No eido educativo e preventivo, a norma fixa a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias, acompañada da aprobación dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso.

Este plan incluirá a supervisión da Inspección Educativa, a posta en marcha de protocolos específicos en todos os centros docentes e ferramentas de apoio para que as familias utilicen de forma axeitada as opcións de control parental. No ámbito universitario, promoverase a inclusión de contidos preventivos nos plans de estudo de titulacións clave como Medicina, Psicoloxía, Magisterio ou Enxeñería Informática.

Capacitación do persoal

Un dos piares centrais do proxecto lexislativo é o reforzo da formación especializada do persoal público. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ofertará de xeito continuo accións formativas para capacitar á totalidade do persoal da Administración xeral e do sector público autonómico na detección e correcta derivación de casos de ciberacoso.

Pola súa banda, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) integrará estes contidos nos plans de estudo das Forzas e Corpos de Seguridade, abordando a protección efectiva dos afectados.

Así mesmo, a norma establece que para a cobertura de postos de traballo en contacto directo cos perxudicados esixirase e valorarase formación específica acreditada. No ámbito laboral privado e público, o Goberno galego promoverá protocolos de denuncia interna, a elaboración de guías de orientación para o teletraballo e contornas protexidas fronte a agresións de terceiros.

Nese sentido, a Xunta de Galicia xa puxo en marcha un plan de formación pioneiro en España en violencia de xénero dixital do que xa se beneficiaron máis de 200 profesionais dos Centros de Información á Muller (CIM), da rede de acollemento, dos centros Quérote+ e do colectivo LGTBI.

Artículo anterior

Nortempo ofrece 1.000 euros por recorrer Madrid, Vigo y Oporto y elegir dónde se vive mejor la Navidad

Siguiente artículo

La comunicación estratégica reivindica su papel en la toma de decisiones empresariales en el III Foro Dircom Galicia