A igualdade no xornalismo, a debate no 9º Foro da Comunicación de Galicia

Foto: Brais Lorenzo

REDACCIÓN


Comunicación e Igualdade é o título da sesión que reuniu a xornalistas cunha ampla experiencia en medios

Visibilizar o papel da muller nos medios de comunicación foi o tema principal da mesa redonda Comunicación e Igualdade que tivo lugar esta mañá no marco do 9º Foro da Comunicación de Galicia, un evento que está a celebrarse en Expourense. O debate reuniu a directora adxunta da CRTVG, Rosa Vilas, a redactora xefa de Organización e Opinión de La Voz de Galicia, Sofía Vázquez, e máis a redactora xefa de Economía, Lara Graña, e estivo moderado pola xornalista e secretaria de Executivas de Galicia, Beatriz García.

“Días complicados haberá sempre, pero este é un oficio precioso e hai que desfrutar e traballar”, foi a mensaxe optimista que quixo trasladar Lara Graña a aquelas mulleres que están a dar os seus primeiros pasos no mundo do xornalismo. Sofía Vázquez tamén animou a ver a profesión como “o mellor dos regalos” e sinalou que “seguramente cando deixemos de traballar, seguiremos traballando”. Doutra banda, a conclusión de Rosa Vilas foi que “a muller precisa o respaldo da sociedade. Soas non podemos porque non somos superheroínas”.

O debate estivo cargado de anécdotas e experiencias persoais destas xornalistas que contan cunha ampla experiencia no eido da comunicación e que recoñecen que, aínda que “a sociedade xa non ten nada que ver coa das nosas nais”, aínda hai moito por facer. “Temos que querernos”, sinalou Vázquez, “é unha responsabilidade social se queremos acadar esa presenza na sociedade”.

Fake news e márketing dixital, papel protagonista no foro

Entre os temas principais do 9º Foro da Comunicación de Galicia tamén se atopan as fake news e os bulos. De feito, o CEO da consultora de Torres y Carrera e un dos maiores expertos en España na análise da chamada ‘posteverdade’, Xurxo Torres, impartiu unha conferencia baixo o título ‘O relato da mentira e o algoritmo’ na que explicou que as mentiras e bulos difúndense un 70% máis rápido que a verdade. Neste senso, sinalou que “non podemos deixar que unha mentira pase polo noso lado e siga libre”, xa que “non podemos permitir que as vindeiras xeracións saian ao mundo da comunicación sen saber discernir a información da desinformación”.

Doutra banda, o evento acollerá un ano máis unha mesa redonda sobre márketing dixital na que participarán axencias punteiras neste sector e que estará centrada nas reflexións esenciais para potenciar o márketing de contidos.

“As mentiras e bulos difúndense un 70% máis rápido que a verdade”, sinalou Xurxo Torres

Volven os Premios Paraugas

Trala clausura do 9º Foro da Comunicación de Galicia comezará a VI edición dos Premios Paraugas que serán este ano presenciais trala celebración dunha edición virtual por mor da pandemia da Covid-9. No caso de que non vos sexa posible acercarvos, podedes seguir a gala en directo a través da web dos Premios Paraugas ou a través da web da TVG.

Os Premios Paraugas naceron en 2016 para pór en valor o traballo das empresas e creativos da nosa terra. Trátanse duns galardóns moi especiais porque se conceden desde o sector para o sector.

Como en anos anteriores, o xurado tivo que elixir entre as numerosas candidaturas presentadas e só quedaron desertos dous premios da categoría de Eventos, o Premio Paraugas ao Mellor Congreso e o Premio Paraugas ao Mellor incentivo de empresa.

Artículo anterior

A Xunta presenta o programa DIFERENZA na Porto Design Biennale

Siguiente artículo
RuralLab

O proxecto RuralLab levará a innovación ao rural galego