A Asociación Galega de Márketing (Markea) e APD organizan este foro no que participarán expertos en estratexia comercial e análise de datos
FELIPE VIEIRA
O vindeiro martes 22 de febreiro, a partir das 09.30 horas no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, terá lugar o V Foro de Márketing e Vendas, organizado por Markea e APD. Neste foro analizarase cal foi a evolución do comercio online e cales son as tendencias de márketing para este 2022, tan influidas pola desaparición das cookies e polo impulso das vendas online tras a pandemia.
O evento conta tamén co patrocinio das empresas iuni estrategic marketers e Dinahosting, socias do Clúster da Comunicación de Galicia. É por isto polo que as entidades asociadas do Clúster teñen invitacións exclusivas para acceder ao foro de forma gratuita.
Falarase, ademais, de como afrontar a dificultade de chegar aos consumidores adaptándonos ás novas modalidades e demandas de consumo, así como ao que eles esperan das marcas nunha sociedade cada vez máis preocupada polo mundo que a rodea e os valores e principios das organizacións empresariais.
O hotel OCA Puerta del Camino, en Santiago, será a sede deste foro
Todo isto da man de directores e directoras de márketing e vendas de recoñecidas empresas galegas, que nos enriquecerán coa súa visión e coa súa experiencia.
Participantes
Así, por parte de Markea participarán no foro Pepe Cabanas, presidente e CMO de Estrella Galicia; Lucía González, responsable de Márketing de Dinahosting; e Yago Díaz, director de Márketing de Delikia e Secretario.
Tamén estarán Beatriz Pereira, CEO de Iuni; Alberto Cochón, CEO de Carrick; Andrés Rodríguez, responsable de Márketing de Marine Instruments; David Oreiro, Director de Márketing de Situm e Adrián Salgado, director de Marketing de Zelnova. Este panel de expertos irase actualizando con novas incorporacións.
Un completo panel de expertos participará na xornada
Os interesados e interesadas poden inscribirse nas xornadas accedendo a este enlace no caso de que sexan socios de APD. Os que non sexan socios de APD, poden remitir un email a comunicacion@markea.es.
O contido do encontro estruturarase en catro bloques. No primeiro abordarase o Data Márketing Strategy, como integrar a estratexia de datos na estratexia de crecemento das empresas. No segundo, falarase do Martech ou cando a tecnoloxía e o márketing se fusionan e, en concreto, da intelixencia artificial, do chat márketing e do cookieles sworld. No terceiro bloque, abordarase a imaxe corporativa como fortalecemento de marca e ofreceranse claves sobre como protexer marca e reputación. Por último, no cuarto apartado, falarase das vendas e do reinado do e-commerce, expoñendo os retos en vendas tanto para empresas B2B como B2C.