A elite da comunicación galega aborda o futuro do sector

Fotos: Brais Lorenzo

O 9º Foro da Comunicación serviu para visibilizar o papel da muller nos medios


MARÍA EIMIL


Poñer en valor a calidade e a innovación do traballo das empresas galegas no eido da comunicación, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade foi o obxectivo do 9º Foro da Comunicación de Galicia. O evento tivo lugar o pasado 12 de novembro en Expourense como antesala da VI edición dos Premios Paraugas, uns galardóns que poñen en valor o traballo das empresas e creativos da nosa terra.

O foro foi un éxito, non só polo número e prestixios dos relatores, senón tamén pola acollida recibida por parte dos asistentes, tanto dos que estiveron presentes como dos que seguiron o evento vía online.

Fake news e márketing dixital, no epicentro do foro

O programa do 9º Foro da Comunicación incluíu cuestións de actualidade de grande importancia para os profesionais, como a problemática das fake news ou a relación cada vez máis estreita entre xornalismo e deseño.

Como cada ano, acolleu unha mesa redonda sobre márketing dixital que contou coa participación de axencias punteiras neste sector e que estivo centrada nas reflexións esenciais para potenciar o márketing de contidos. Moderada polo director de márketing de PuntoGal, Luis Antelo, contou coa participación do director de Márketing de Rei Zentolo e socio director de Elemental Chefs, Isaac González; o CEO do Grupo Raiz, Jose Manuel Regueiro; o coordinador do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais da Universidade de Vigo, Xabier Martínez Rolán; e da experta en creación de contidos e coordinación de estratexia de márketing B2B en Bannister Global, Verónica Casas.

A igualdade nos medios de comunicación, a debate no evento

Outro dos temas máis importantes do 9º Foro da Comunicación de Galicia foi o papel da muller nos medios de comunicación. Neste senso, o evento acolleu unha mesa redonda baixo o título Comunicación e Igualdade, que serviu para visibilizar o papel da muller nos medios. Neste debate participaron a directora adxunta da CRTVG, Rosa Vilas; a redactora xefa de Organización e Opinión de La Voz de Galicia, Sofía Vázquez, e máis a redactora xefa de Economía, Lara Graña, e estivo moderado pola xornalista e secretaria de Executivas de Galicia, Beatriz García.

“Días complicados haberá sempre, pero este é un oficio precioso e hai que desfrutar e traballar”, foi a mensaxe optimista que quixo trasladar Lara Graña a todas as mulleres que están a dar os seus primeiros pasos no mundo do xornalismo. Sofía Vázquez tamén animou a ver a profesión como “o mellor dos regalos” e sinalou que “seguramente cando deixemos de traballar, seguiremos traballando”. Doutra banda, a conclusión de Rosa Vilas foi que a muller precisa o respaldo da sociedade. “Soas non podemos porque non somos súper heroínas”, apuntou.

O debate estivo cargado de anécdotas e experiencias persoais destas xornalistas que contan cunha ampla experiencia no eido da comunicación e que recoñecen que, aínda que “a sociedade xa non ten nada que ver coa das nosas nais, hai moito por facer”. “Temos que querernos”, sinalou Vázquez, “é unha responsabilidade social se queremos acadar esa presenza na sociedade”.

Artículo anterior

Amalia Baltar: “Una empresa que integre la comunicación sólo puede ir a mejor”

Siguiente artículo

C!Print Madrid 2022 se aplaza al 26, 27 y 28 de abril