Así se desprende dun estudo de DS Smith, provedor de referencia de packaging sostible
Un estudo de DS Smith, empresa de referencia en packaging sostible, evidencia que a pandemia da Covid-19 trouxo consigo unha evolución no comportamento dos consumidores, dando lugar aos denominados compradores mixtos, que dividen o seu tempo entre as tendas físicas, o comercio online e o servizo de recollida en tenda. Isto supón un auténtico reto para os minoristas e as marcas.
Nun mes tipo medio, segundo o estudo, os españois mercan nunha tenda física seis veces, online tres veces e empregan o sistema click and collect dúas veces. Este último servizo experimentou un gran crecemento durante a pandemia en todo o continente europeo e case unha cuarta parte da poboación continental prevé seguir empregando este sistema na súa compra no supermercado.
Para axudar ás marcas a adaptarse á nova contorna, DS Smith contou co profesor Ivo Vlaev, científico do comportamento da Escola de Negocios da Universidade de Warwick, que sinala que “as expectativas da xente respecto ás marcas non mudaron, pero a medida que cambiamos a un modelo mixto de compras, os minoristas que queren manter lealdade á marca deben asegurarse de que, con independencia de onde se merque, se obteña a mesma experiencia”.
Tanto no caso das compras a través do sistema click and collect como naquelas que se efectúen de xeito online, o packaging pode ser unha forma de mellorar esa experiencia. Por exemplo, o deseño das caixas pode axudar a realizar o pagamento frictionless na tenda e o sistema click and collect pode mellorarse a través de embalaxes con IDs intelixentes que faciliten, axilicen e personalicen a recollida.
O novo modelo impón consumidores mixtos, que dividen o seu tempo entre as tendas físicas e o comercio online
Os consumidores combinan xeitos de mercar
Segundo detalla Ignacio Monfort, managing director en DS Smith Iberia, “os consumidores xa non elixen un xeito de mercar, senón que os combinan todos como compradores mixtos”.
Porén, aínda que as compras nunha tenda física seguen sendo o método preferido polos españois, tamén se enfrontan a novos retos xa que a pandemia da Covid-19 fixo mella na paciencia dos consumidores e na súa predisposición a estar en espazos moi concurridos.
Así, o 41% dos compradores tenta evitar tendas nas que haxa moita xente. Unha cuarta parte daqueles aos que se lle fixo enquisa amósase molesto cando ten que esperar demasiado e case tres cuartas partes dos consumidores non están dispostos a agardar máis de 10 minutos de cola nunha tenda. Por iso tal e como se desvela no estudo, o 60% dos españois considera que as compras online son menos estresantes.
O novo modelo supón un gran reto para os minoristas e as marcas
O estudo tamén revelou que algúns dos principais inconvintes do sistema click and collect para os consumidores inclúen ter que desprazarse ata a tenda para recoller o pedido (27%), agardar para recollelo (16%) e as dúbidas sobre a calidade do artigo (15%). No caso das compras online, os principais aspectos negativos que atopan os consumidores son ter que pagar polo envío (26%), non saber cando chegarán os artigos (28%) e a posibilidade de que o embalaxe veña mal, o que pode orixinar que a compra se dane (15%).
Solucións de packaging
O equipo de innovación de DS Smith e o profesor Ivo Vlaev deseñaron unha serie de conceptos para futuras solucións de packaging que poderían axudar ás marcas a impulsar a súa oferta de compra combinada (en tenda física, click and collect e online). Por exemplo, as etiquetas intelixentes ou os códigos QR no packaging poden escanearse coa cámara do móbil. Isto eliminaría a necesidade de facer cola para comprar, permitindo aos clientes escanear eles mesmos os artigos e pagar online.