
A Deputación presentará na feira unha proposta turística singular arredor da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026
REDACCIÓN
A Deputación da Coruña participará un ano máis na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid entre os días 21 e 25 de xaneiro, cunha proposta propia integrada dentro do espazo da Xunta de Galicia.
A institución provincial aproveitará este foro de proxección internacional para dar a coñecer unha iniciativa singular que posiciona a provincia como un escenario excepcional para vivir un acontecemento astronómico único: a eclipse solar total prevista para o 12 de agosto.
A Deputación aproveitará este foro de proxección internacional para dar a coñecer a eclipse solar total prevista para o 12 de agosto
O espazo da Deputación estará localizado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA, concretamente na parcela 9C07/9C09 1. A Área de Turismo presentará oficialmente esta proposta o xoves 22 de xaneiro, ás 11.00 horas, baixo o título «Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña». A presentación correrá a cargo da astrofísica e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Begoña Nicolás Ávila.
Un acontecemento astronómico único
O 12 de agosto de 2026 a provincia da Coruña converterase nun dos puntos máis destacados do planeta para a observación dunha eclipse solar total, un fenómeno de carácter excepcional. Ao producirse pouco antes do solpor, o evento permitirá que, nun intervalo moi curto de tempo, o sol se oculte dúas veces na mesma xornada. “Será un instante irrepetible que tamén servirá para descubrir a riqueza do noso territorio”, sinala o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira.
Xosé Regueira: “Será un instante irrepetible que tamén servirá para descubrir a riqueza do noso territorio”
A provincia conta ademais con dous xeodestinos recoñecidos como Destinos Turísticos Starlight pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e As Mariñas. Segundo destaca Regueira, trátase de “dous territorios complementarios nos que a calidade do ceo nocturno convive cun destacado patrimonio natural, cultural e histórico, accesible ao visitante ao longo de todo o ano”.

Diversidade territorial e modelo turístico competitivo
A proposta que a Deputación da Coruña presenta en FITUR encaixa nun modelo turístico “baseado na diversidade, na calidade e na competitividade”, defende o vicepresidente provincial. A institución subliña que a provincia dispón dun territorio “versátil, capaz de crear produtos turísticos adaptados a diferentes tipoloxías de visitantes”, apoiándose nunha rede de oito xeodestinos complementarios e diferenciados: Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo.
A provincia conta ademais con dous xeodestinos recoñecidos como Destinos Turísticos Starlight pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e As Mariñas
Este equilibrio entre turismo de costa, de interior, de natureza e vencellado aos Camiños de Santiago complétase cunha oferta urbana e patrimonial “de primeiro nivel”, apunta Xosé Regueira.
Xunto coa presentación centrada na eclipse solar total, a Deputación da Coruña levará tamén a FITUR a Guía turística da provincia da Coruña, dispoñíbel en edicións en galego e castelán. A publicación, de formato lixeiro e con fotografías de alta calidade, recompila información detallada sobre os principais recursos turísticos do territorio e ofrece consellos prácticos para desfrutar ao máximo da experiencia de “A provincia que sabe”.