A exposición trazou un percorrido polo pasado, presente e futuro do deseño galego
REDACCIÓN
O traballo de 140 profesionais e empresas referentes na aposta polo deseño como motor de innovación no último século en Galicia foi o protagonista da exposición Galiza: Processos e Formas na Porto Design Biennale.
Dende o 24 de outubro ata o 10 de decembro, a mostra estivo aberta ao público na Galería Municipal de Matosinhos, no marco do proxecto co que Galicia representou a España como país convidado na edición 2023 da maior bienal de deseño da península ibérica.
A exposición –coproducida pola Xunta de Galicia a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza, coa colaboración da Fundación DIDAC– trazaba un percorrido polo pasado, presente e futuro do deseño galego.
Importante afluencia de visitantes
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; os presidentes das cámaras municipais de Porto e Matosinhos, Rui Moreira e Luisa Salgueiro; e o comisario da mostra, David Barro, inauguraron a exposición de gran formato, que rexistrou unha importante afluencia de visitantes ao longo de cerca de sete semanas.
A programación galega na bienal incluíu tamén un proxecto editorial coeditado pola editorial Experimenta e unha xornada organizada en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia, na que a artesá da cestería Idoia Cuesta –Premio Nacional de Artesanía 2015 e Premio Artesanía de Galicia 2021–, o deseñador industrial Isaac Piñeiro –Premio Galicia de Deseño 2022– e a recoñecida ceramista interdisciplinar Verónica Moar presentaron os seus traballos ante un nutrido auditorio no que estaban varios grupos de alumnos e alumnas de escolas de deseño galegas.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.